
As próximas datas da formación básica serán o 9 e 10 de maio a Allariz e, por último, o 13 e 14 de xuño en Lugo e a continuación levarase a cabo o segundo curso de navegación, tamén en Lugo
Pontevedra, 30 de abril de 2026
A Federación Galega de Piragüismo vén de celebrar o primeiro curso de licenza de navegación no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, para os voluntarios que xa forman parte da primeira ‘Rede Galega de Voluntariado Náutico Seguro’. En total, foron unha vintena de voluntarios os que obtiveron o título de navegación tras superar as formacións básicas levadas a cabo en Verducido e en Rianxo. Cómpre salientar que a rede conta a día de hoxe cuns 35 voluntarios inscritos.
O próximo 20 de xuño levarase a cabo en Lugo o segundo curso de licenza de navegación para os voluntarios que realicen as seguintes formacións básicas en Allariz (9 e 10 de maio no Salón de Plenos da Casa do Concello). Os cursos están limitados a 25 persoas e os participantes escolleranse por orde de inscrición. Para facelo cómpre enviar un correo ao enderezo electrónico voluntariado@fegapi.org, chamar aos teléfonos da federación ou utilizar as canles habituais de comunicación.
A ‘Rede Galega de Voluntariado Náutico Seguro’ é unha ferramenta social pioneira en Europa que dotará a Galicia dunha bolsa de voluntarios con formación específica orientada á prevención de accidentes, primeiros auxilios e rescate en contornas náuticas deportivas.
O curso de licenza de navegación consta dunhas 5 horas de formación con parte teórica e prácticas na auga con embarcación. O cursos de formación básica son de 15 horas, con tres módulos de contidos. O primeiro, dedicado á ‘Prevención de accidentes en probas deportivas náuticas’; o segundo, ‘Primeiros auxilios, RCP e uso do DEA’; e o terceiro, ‘Rescate de deportistas en probas náuticas’.
Ademais realizarase un curso de formación superior (60 horas), para quen desexe complementar e ampliar os coñecementos adquiridos e asumir tarefas de maior complexidade nas probas náuticas. Esta formación impartirase na sede da federación, en Verducido, os días 27 e 28 de xuño, 4 e 5 de xullo e 12 e 18 de xullo. O curso estará limitado a 20 persoas participantes, tamén por orde de inscrición.
Grazas ao apoio da Xunta, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Galicia contará cun voluntariado profesionalizado que complementará e mellorará a capacitación, coordinación e eficacia da seguridade dos eventos deportivos.











